Hai un chiste-metáfora que conto algunhas veces nas clases. Creo que pode axudar a entender como funciona a Física, a ciencia en xeral e, incluso, a nosa forma de aprehender a realidade (a parte obxectivable); ten a propiedade de que só ten gracia cando se teñen visto algúns temas de Física e se entendeu algo dos exemplos vistos. En contra do máis elemental da ‘ciencia dos chistes’, primeiro o conto e, logo, o explico: Pregúntase a tres persoas, unha con estudos de enxeñeiría, outra de matemáticas e outra de física, como se podería coñecer o volume dunha vaca. A primeira responde que mergullando a vaca nunha piscina e medindo a cantidade de auga que desaloxa; a segunda suxire parametrizar a superficie do animal e obter o volume aplicando o cálculo integral; entón, a que estudou físicas comeza: ‘Supoñamos que a vaca é esférica...’ “. Que nos indica?  Pois que na Física partimos de modelos, primeiro moi sinxelos e que fan máis doados os cálculos e a súa comprensión, para logo, ir facendo modelos máis complexos que se irán aproximando, sucesivamente, cada vez máis á realidade que queremos comprender. Efectivamente, no chiste poderíamos calcular o volume da vaca, supoñendo o caso máis simple, unha esfera, cun único dato medible (o raio); pero, obviamente, cometemos un gran erro e debemos ir facendo novas aproximacións que afinan máis pero, tamén, complican os cálculos. Nos primeiros cursos de Física atopamos moitas ‘vacas esféricas’: p.e., estudamos a caída de corpos supoñendo que non hai aire, que non hai rozamentos sólido-aire, que a Terra e demais planetas son esféricos, que no péndulo simple, o fío non ten masa, etc. Nesta nova sección veremos algúns exemplos de ‘vacas esféricas’. A HISTORIA DUNHA  VACA  ESFÉRICA Debuxo anónimo atopado no encerado de 2º A, nos últimos días do curso 2014-15. UN GRAN SAÚDO A TOD@S!!