ESCALAS NO UNIVERSO                   O mundo do moi, moi pequeno    Sabemos que todo o que vemos, no mundo físico, está feito de átomos.    Sabemos, tamén, que os átomos son moi pequenos, pero... como de pequenos?     Seguramente terás visto gráficos como esta figura adxunta, que nos mostra diferentes escalas do moi pequeno (é unha gráfica que vai no meu próximo libro sobre astronomía e cosmoloxía, no que se inclúe un capítulo sobre escalas no Universo).      Como podes ver, desde a nosa escala, definida polo metro (non é casualidade!) podemos imaxinarnos sucesivas reducións nun factor de 1000 e así, atoparíamonos, sucesivamente, con células (de tamaño moi variábel), microchips, bacterias máis pequenas (na escala do micrómetro), os virus e nanoelectrónica (no nanómetro), e, xa na escala do picómetro estaríamos dentro dun átomo. Moito máis pequenos, os nucleóns (protóns e neutróns que se atopan no núcleo atómico) se atopan na escala do femtómetro; e, aínda máis pequenas, as partículas máis elementais (electróns ou quarks) na escala do attómetro.      Chegamos, entón, ao límite do que temos ‘obser- vado’ os seres humanos, non chegan os microscopios, ou “nanoscopios” e para ‘ver’ nesa diminuta escala necesitamos os máis potentes ‘aceleradores de partículas’ como, p.e. o LHC do CERN, que se atopa en Xenebra (Suíza).       Segundo as versións máis recentes da física cuántica pode que o tamaño do espazo teña un límite, é o que se coñece como lonxitude de Planck e rolda os 10-35 m (é dicir, uns 0,00000000000000000000000000000000001 m); segundo estas versións cuánticas, non existiría unha medida de lonxitude máis pequena e o espazo deixaría de ser algo ‘continuo’, presentándose como ‘grumoso’.              En calquera caso, ao falar de escalas tan pequenas faise difícil imaxinarnos de como son realmente estas escalas. Para axudarnos a comprender de que se trata, propoño unha actividade sinxela; se te interesa, pulsa no recadro:       Actividade: imaxinando o tamaño dun átomo