MEDINDO DISTANCIAS NO SISTEMA SOLAR   Aínda que non sexamos conscientes delo, para estimar a distancia dos obxectos cando os vemos usamos un método coñecido como paralaxe, baseado na triangulación. O mesmo que  empregamos en Astronomía para medir a distancia á que se atopan os astros do Sistema Solar e, tamén, as estrelas máis próximas a nós.  De forma intuitiva podemos entender que, cando miramos un obxecto, tal como amosa a figura da dereita,  canto maior sexa a distancia do obxecto a nós, menor vai ser o ángulo formado polos raios que chegan aos nosos ollos.  En matemáticas, cando coñecemos os ángulos dun triángulo e un dos lados, podemos calcular facilmente a lonxitude dos outros dous lados. No caso da visión descrito, o lado coñecido é a distancia entre os nosos ollos, o que chamamos distancia base.    No caso de corpos do Sistema Solar, están tan lonxe de nós que, a simple vista, non imos poder valorar a súa distancia porque a distancia base dos nosos ollos é demasiado pequena comparada coa distancia que nos separa deses obxectos, sendo o ángulo subtendido practicamente nulo.     Pero, si ampliamos a distancia base poderemos empregar o método da triangulación. Por exemplo, podemos ver un astro desde dous lugares da Terra afastados entre si, sendo agora a distancia entre eses dous observatorios, a nova distancia base.      Incluso, con algúns coñecementos básicos de Astronomía (e trigonometría), medindo as alturas do astro (ou como na figura, a súa distancia angular ao cénit de cada lugar, z1 e z2) desde dous  lugares da Terra (no debuxo O1 e O2), de latitudes coñecidas, podemos determinar o que se coñece como paralaxe horizontal do astro, p, a partir da cal poderemos calcular a súa distancia ao centro da Terra. Neste caso estamos empregando como distancia base o radio da Terra; é como si os nosos ollos estivesen separados uns 6.400 km, polo que ampliamos a nosa capacidade de 'ver' as distancias dos obxectos afastados.   CONTINUAR...